|
Antón Baamonde
(Vilalba, 1959)
Estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é profesor de Filosofía de ensino secundario.
Como ensaísta, publicou os libros En favor da esperanza (Sada: Ediciós do Castro, 1987), O marxismo e as linguaxes (Vigo: Galaxia, 1988), Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista, con Xaquín Fernández Leiceaga, Rafael Martínez Castro e Bieito Iglesias (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1990), Sobre o tempo e outros desatinos (Vigo: Galaxia, 1990) e A rosa sen porqué (Vigo: Galaxia, 1997), este último publicado en castelán por Pre-Textos (Valencia, 2001). En castelán tamén publicou El laberinto y sus salidas (Madrid: Tecnos, 1998) e La reinvención de España (Barcelona: Ronsel, 2001). O seu libro máis recente é Aire para respirar (Vigo: Xerais, 2002), a cabalo entre a memoria persoal e o ensaio sociolóxico e político sobre o pasado inmediato de Galiza.
Tamén participou nos libros colectivos Doce anos na búsqueda da nosa identidade, coordinado por Alfonso Blanco Torrado e Manuel López Rodríguez (Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1991); Las palabras de la tribu: escritura y habla (Madrid: Cátedra/Ministerio de Cultura, 1993); El sentido de la historia en el futuro: ciclo de conferencias. Con un informe de las XIX y XX Experiencias de Sargadelos (1990-1991), con Manuel Rivas e outros (Sada: Ediciós do Castro, 1995); e Filosofía, política, religión: más allá del pensamiento débil, de Gianni Vattimo e outros (Oviedo: Nobel, 1996).
É colaborador habitual na prensa galega, tanto en xornais (A Nosa Terra, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, La Opinión de A Coruña) como en revistas, tales como Agália, Ferrol Análisis, Grial, Luzes de Galiza, Obradoiro ou Tempos Novos. Foi membro do consello de redacción de Luzes de Galiza, e, en tanto que coordinador do Foro Luzes de Galiza, redactou os manifestos que fixo públicos o citado foro.
Ten impartido conferencias nas universidades de Santiago de Compostela, Barcelona, Oviedo, Oxford (Inglaterra), Varsovia e Cracovia (Polonia), e participou nos encontros de Verines, organizados cada ano por Víctor García de la Concha —director da RAE —, nos que cada ano organiza a Fundación Carlos Casares, así como en numerosos seminarios e congresos de diversa índole.
Organizou numerosos eventos e xornadas no marco de distintas institucións —Consello da Cultura Galega, COAG...— e foi un dos principais impulsores do proxecto da sociedade Edicións de Referencia a prol da publicación dun novo diario de filiación galeguista e progresista.
Alexandre Alves Costa
(Porto, 1939)
Arquitecto pola Escola Superior de Belas Artes do Porto (1966), fixo prácticas no Laboratório de Engenharia Civil con Nuno Portas. Profesor catedrático da Facultade de Arquitectura da Universidade do Porto. Docente nas áreas de Projecto e História da Arquitectura. Profesor convidado no Departamento de Arquitectura da Universidade de Coimbra e director do Curso de Arquitectura da Universidade do Minho, orienta talleres nas áreas de proxecto e deseño urbano na Universidade de Coimbra, na Autónoma de Lisboa e no Colegio de Arquitectos de Málaga.
Ten participado en cursos, seminarios e mesas redondas e impartido conferencias por países de todo o mundo. Foi asesor da delegación oficial de Portugal na Conferencia das Nacións Unidas sobre Estabelecementos Humanos Habitat (Vancouver, Canadá, 1976).
Ten obra construída, desde 1970, só ou con Sergio Fernández, case totalmente publicada; recibiu numerosos premios por ela, como o Nacional de Arquitectura en 1993.
É membro dos consellos editoriais do Boletim da Universidade do Porto, da revista Monumentos da DGEM (Direcção Geral dos Edifícios e Monumentos) e do Jornal dos Arquitectos da Ordem dos Arquitectos portuguesa. É coordinador científico do servizo editorial do Departamento de Arquitectura da FCT da Universidade de Coimbra.
Publicou os libros Introdução ao estudo da história da arquitectura portuguesa e outros textos (Porto: FAUP, 1995) e Cities By The Sea (Rotterdam: Jan de Graaf, 1997), e ten artigos en revistas como Architecti, A Plus, A&V Monografias, Casabella, Domus, Lotus International, Wonen TABK, Estudos/Património ou 9H. Escribiu tamén para numerosos catálogos de exposicións e para volumes como Álvaro Siza. Professione poetica (Milán: Edizioni Electa, 1986), Álvaro Siza: figures and configurations. Buildings and projects 1986-1988 (Nova York: Rizzoli/Harvard University Graduate School of Design, 1988),ou Moderno Escondido (Porto: FAUP, 1997). A Ordem dos Arquitectos dedicoulle unha monografía en 2005.
José Manuel Gallego Jorreto
(O Carballiño, 1936)
Estudou na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, onde se titulou en 1963. Doutorouse na mesma facultade en 1968. Grazas a unha bolsa marchou a Noruega a traballar xunto a Erlin Viksjo. Traballou no estudio do arquitecto Alejandro de la Sota. Entre 1969 e 1970 foi bolseiro no Cours des Techniques d’Urbanisme da ASTEF de París. Desde 1967 reside e traballa na Coruña. É catedrático no departamento de Proxectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
Entre a súa obra construída pode destacarse a Vivenda Unifamilar de Corrubedo (1969), a Vivenda El Pinar (Oleiros, 1977), o Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María (A Coruña, 1982-1987), os Institutos de Investigación de Santiago de Compostela (1992-2000), a Piscina Cuberta de Chantada (1998-2002) e o Complexo Presidencial de Santiago (2000-2002).
Recibiu o Premio Galicia de Arquitectura (Ourense) en 1983, o 1.º Premio «Julio Galán» dos colexios de arquitectos de León, Asturias e Galicia pola obra do Museo de Arte Sacro da Coruña (1991). Pola obra do Museo de Belas Artes da Coruña foi premiado na IV Bienal de Arquitectura Española, nos VII Premios COAG de Arquitectura (1º Premio Edificios de nova planta), co Premio Dragados y Construcciones de Arquitectura Española da Fundación CEOE (1995) e co Premio Nacional de Arquitectura Española, outorgado polo CSAE (Consejo Superior de los Arquitectos de España) en 1997. Á parte destes, ten recibido o Premio da Crítica de Galicia e a Medalla Castelao —outorgada pola Xunta de Galicia—, entre outros.
Ten impartido cursos, conferencias e relatorios en centros e universidades internacionais. Foi xurado en concursos internacionais, e participou en exposicións en todo o mundo. A súa obra profesional encóntrase publicada en diferentes editoriais e en publicacións periódicas de todo o mundo, como A&V Monografías, Arquitectura Viva, Bauwelt, Croquis, Dársena, Deutsche Bauzeitschrift, Obradoiro ou On Diseño.
Entre as monografías coa súa obra podemos encontrar: J. Manuel Gallego, con introdución de M. A. Baldellou e M. Mendés (Barcelona: Gustavo Gili, 1992); Museo de Belas Artes da Coruña (A Coruña: Xunta de Galicia/Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, 1996); Manuel Gallego Jorreto: Works 1982-95, con introdución de Maite Apezteguia (Pamplona: COAVN/ETSA Universidad de Navarra, 1998); Centro de Saúde en Viveiro (A Coruña: Construcciones Fontenla, 1998); Manuel Gallego, con introdución de David Cohn (Madrid: Tanais, 1998; traducido ao alemán, ao italiano e ao inglés); Manuel Gallego. Museo de Bellas Artes. A Coruña (Madrid: Ministerio de Fomento, 1999); e Manuel Gallego. Obras en Santiago de Compostela (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2002).
Ademais é seu o libro Espacios para actividades culturales (Almería: Delegación del COAAO, 1994), e foi director editorial do titulado Alejandro de la Sota: viviendas en Alcudia, Mallorca. 1984 (Madrid: Rueda, 2004).
Participou tamén nos libros colectivos A Galicia rural na encrucillada, de Domingos García-Sabell e outros (Vigo: Galaxia, 1975), e Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, de Ricardo Carvalho Calero e outros (Sada: Ediciós do Castro, 1978).
Rubén C. Lois González
(Palas de Rei, 1961)
Profesor titular e ex-decano da Facultade de Xeografía e Historia de
Santiago. Actualmente é director xeral de Turismo na Xunta de Galicia. Ten sido profesor convidado das universidades de Le Mans, Caene Touluse-Le
Mirail (Francia) e Bergen (Noruega).
É membro do grupo «Monitoring Cities of Tomorrow» da Unión Xeográfica Internacional (IGU).
É coautor de obras como Diccionario de Geografía Urbana, Urbanismo e Ordenación Territorial, con Florencio Zoido Naranjo e Rafael Mas (Barcelona: Ariel, 2000), ou Enciclopedia of the City (Londres: Routledge, 2004).
Outras obras súas son: Viveiro. Achegamento á realidade dun núcleo urbano galego (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1986); A gandería na Ulloa: repercusións nas paisaxes agrarias (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1988); A montaña galega: o home e o medio, con M.ª Pilar de Torres Luna e Augusto Pérez Alberti (Santiago de Compostela: Universidade, 1993); O retroceso da poboación campesiña e a crise da vida parroquial en Galicia. A importancia da análise microespacial, con Román Rodríguez González (Pontevedra: Deputación Provincial, 1994); A universidade (1960-1992) (Vigo: Galaxia, 1994); Ourense, sociedade e territorio, con José Somoza Medina (Ourense: Deputación Provincial, 1997); e Xeografía de Galicia, con Humberto Martínez Gargamala (Vigo: Obradoiro, 1998).
Coordinou o tomo v («Xeografía económica I: a explotación dos recursos do territorio») da obra Xeografía de Galicia, dirixida por Augusto Pérez Alberti (Santiago de Compostela: Gran Enciclopedia Galega Edicións, 1993); con Luis Guitián Rivera, Actividad humana y cambios recientes en el paisaje (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1996); con M.ª Pilar Torres Luna e Pegerto Saavedra, Espacios rurais e sociedades campesiñas (Santiago de Compostela: Universidade, 1998); con Xosé Constela Vega, As relações entre a Galiza e Portugal (Santiago de Compostela: Laiovento, 2003); e co-dirixiu con José Antonio Díaz Fernández Las infraestructuras de comunicaciones y transportes en el desarrollo territorial de Galicia (Pontevedra: Deputación Provincial, 2004). Fai parte ademais do equipo de coordinación da Gran Enciclopedia Galega Século XXI (A Coruña: Novos Vieiros, 2006).
Ten publicado máis dun cento de artigos sobre temas e urbanismo e xeografía urbana en galego, castelán, francés, inglés e alemán. Algúns deles están incluídos en libros como Concepcións espaciais e estratexias territoriais na historia de Galicia, de José C. Bermejo Barrera e outros (Santiago de Compostela: Asociación Galega de Historiadores, 1993); A guerra en Galicia. O rural e o urbano na historia de Galicia, de J. M. Vázquez Varela e outros (Santiago de Compostela: Asociación Galega de Historiadores, 1996); ou Las religiones en la historia de Galicia, editado por Marco V. García Quintela (Santiago de Compostela: Universidade, 1996). Ten colaborado, entre outras, nas revistas Eco, Galicien Magazin, Grial, Semata, Tempos Novos e Xeográfica.
Xerardo Pereiro
(Palas de Rei, 1968)
Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1991. En 1997 consegue o grao de «doutor europeo» en Antropoloxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela. Investigador visitante na Universidade de Milán, na Universidade de Edimburgo (Departamento de Antropoloxía), na Universidade de Birmingham e no ISCTE de Lisboa (Instituto Superior de Ciências do Trabalho e da Empresa, no Departamento de Antropologia). Foi profesor de Antropoloxía na Universidade Fernando Pessoa (Porto), e actualmente é profesor titular desa mesma materia na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Coordinador da Licenciatura en Antropoloxía Aplicada ao Desenvolvemento.
Foi galardoado co I Premio Vicente Risco de Antropoloxía e Ciencias Sociais, no ano 1994, así como co I Premio Irmandinhos de Investigación Histórica, Sociolóxica ou Etnográfica de Galiza, no ano 1996.
Algunhas publicacións súas son: Narracións orais do concello de Palas de Rei. Antropoloxía, Lingua e Cultura (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1995); The Pilgrim’s Roads to Santiago in the Ulloa Area. Rutas Xacobeas na Comarca da Ulloa, con X. M. Pérez Paredes (Palas de Rei: Asociación Os Lobos, 1997); Entre Asturias e Galicia. Antropoloxía da identidade e da alteridade (Santiago: Lea, 1998); e Galegos de vila. Antropoloxía dun espacio rurbano (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2005).
Publicou artigos nos libros Turismo natural e cultural, de X. Pardellas (Pontevedra: Universidade de Vigo, 2002); Portugal Chão, coordinado por J. Portela e J. Castro Caldas (Oeiras: Celta Editora, 2003); e As relações entre a Galiza e Portugal, coordinado por Rubén Lois González e Xosé Constela Vega (Santiago de Compostela: Laiovento, 2003), así como en numerosas actas de congresos e seminarios de toda a Península, e en revistas como Antropológicas, Boletín do Museo Provincial de Lugo, Britonia, Etnográfica (Revista do Centro de Estudos de Antropologia Social – ISCTE) e Tellus.
Coordinou e co-organizaou diversos congresos e seminarios internacionais. Con P. Castro Seixas e P. Mota Santos, foi coordinador das Actas do Seminario Internacional «Cultura e Arquitectura»: Incursións antropolóxicas no espacio construído (Santiago de Compostela: Edicións Lea, 1998), e, en solitario, das Actas do VII Congresso Internacional de Estudantes de Antropologia (Miranda do Douro: Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, 1999). Con F. Bessa Ribeiro, do volume Para unha antropoloxía de urxencia. Informe dos impactos socioculturais dos posibles encoros do rio Ulla (Miranda do Douro: Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, 1999).
Teresa Táboas
(Cidade de México, 1961)
Doutora arquitecta pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña coa tese de doutoramento dirixida por César Portela Fernández-Jardón titulada «A cor na arquitectura». Colaborou durante seis anos no estudio do arquitecto Cesar Portela Fernández-Jardón. Durante dous anos traballou no Concello de Marín como arquitecto municipal. En 1990 fundou o seu estudio de arquitectura, no cal desenvolveu numerosos proxectos de edificación e urbanismo.
Foi presidenta da delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia entre 1999 e 2003; nese ano foi elixida decana-presidenta do Colexio galego, de forma que se converteu na primeira muller en acceder a ese cargo. Como decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, foi nomeada conselleira do CSCAE (Consejo Superior de los Arquitectos Españoles), co que foi a segunda muller en ocupar dito status desde o ano da fundación desa institución, 1931. Posteriormente foi nomeada representante do CSCAE ante o CAE (Consejo Arquitectos Europeos, con sede en Bruxelas) en diferentes comisións de apoio ao Parlamento Europeo —«Taskforce for Urban Issues», «Taskforce for Environment and Sustenaible Architecture»—. Desde 2005 é conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.
Publicou os libros El color en arquitectura (Sada: Ediciós do Castro, 1991), Emigración y arquitectura (Pontevedra: Deputación Provincial, 1999) e Emigración y arquitectura: os brasileiros (Os Tilos-Teo: Alais Editores, 2004).
Colabora habitualmente con revistas especializadas e prensa cos seus artigos.
Obtivo o 1.º Premio no concurso para 27 Vivendas de Protección Oficial en Pereiro de Aguiar; o 1.º Premio no concurso para Centro Comercial no mesmo concello; o 2.º Premio no concurso para Gardería tamén en Pereiro; o 1.º Premio no concurso para a ampliación do parque do Liceo Casino de Pontevedra; 2.º Premio no concurso para a Biblioteca de Ciencias Sociais do campus de Santiago de Compostela; o 1.º Premio no concurso para o Centro de Acuicultura na illa de Arousa; e o 1.º Premio no concurso para a reforma da praza de Barcelos de Pontevedra.
Ten sido convidada como xurado a numerosos concursos de arquitectura, entre os cales cabe destacar o do Premio Nacional de Arquitectura en España na súa convocatoria de 2003.
Impartiu relatorios en diversas institucións e universidades, como, por exemplo, no Seminario sobre Arquitectura Iberoamericana (Sevilla, organizado pola Junta de Andalucía), acerca da cor na arquitectura en América Latina; no Instituto Tecnolóxico de Galicia, un seminario sobre «A cor en arquitectura»; na Escuela de Arquitectura de San Sebastián, sobre «La arquitectura de Luis Barragán»; na Escuela de Arquitectura Universidad Anáhuac (México); no VI Congreso Mundial del Color (1989), organizado pola Sociedade Mundial da Cor, outro sobre «The Colour in Architecture»; na Universidad Internacional Menéndez Pelayo en 1999, o titulado «Bordes de cascos históricos»; ou na mesma universidade en 2002, sobre «Seminario y naturaleza».
|